viernes, 25 de abril de 2014

A CARROUCHA - Abril 2014 - Permuta e Cambios na Xunta Rectora

Seguimos publicando A CARROUCHA, informativo da Comunidade, que repartimos o pasado domingo, 20 de abril..
Nesta ocasión trátase a permuta no lugar da Escola e os cambios na Xunta Rectora.

PERMUTA

Na Asamblea Xeral Extraordinaria do pasado 17 de novembro de 2013 foi aprobada por unanimidade a permuta dunha parcela propiedade de Manuela Martínez Olveira, por outra parcela propiedade da comunidade de Montes de Xuño. 

Ambalas dúas están situadas no lugar da Escola, teñen a mesma superficie (1.745 metros cadrados) e un valor similar. Os gastos da permuta repártense por igual entre as dúas partes.

Pasado o trámite de ser aprobada a permuta pola Asamblea, envióuse unha solicitude á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural para que informe favorablemente da operación. Se a administración outorga o “visto bo” procederiase á inscrición no Rexistro da Propiedade.

Estamos diante da 1ª ocasión na que se fai unha permuta de terreos na nosa Comunidade, abríndose así a posibilidade de facelo con outros no futuro. Non somos os primeiros. Xa hai experiencias doutras Comunidades de Montes con resultado satisfactorio para as partes interesadas. 

CAMBIOS NA XUNTA RECTORA (mulleres ao poder)

Na pasada Asamblea Xeral celebrada o 16 de marzo comunicóuse un cambio na Xunta Rectora. Cesa no cargo de tesoureira Montserrat Fernández González, a quen se lle agradeceu o traballo realizado e entra no seu lugar Rosalía Muelas Patiño.

Cómpre dicir que Montse foi a primeira muller que entrou a participar nunha Xunta Rectora da nosa Comunidade de Montes. Agora, coa incorporación de Rosalía, xa son dúas as mulleres participantes: Dolores Sampedro Olveira (Dolores do Catriño) e a citada Rosalía. Aínda así estamos lonxe da paridade xa que o 80% seguen a ser homes e o 20% mulleres. Aínda queda que mellorar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario