martes, 13 de mayo de 2014

Derradeira entrega da A Carroucha publicada en abril de 2014.

REGULAMENTO DA PEDRA

Na asamblea do 16 de marzo tamén se decidiron cambios no “Regulamento da Pedra”, que son as normas que temos na Comunidade para saber como se pode extraer pedra do noso monte. Os cambios aprobados foron os seguintes:

• Deixa de ser gratuíto o aproveitamento da pedra 

• Os veciños que non son comuneiros e máis os que non son veciños da Parroquia terán dereito a aproveitala.

• A Xunta Rectora resérvase o dereito de conceder permisos extraordinarios de aproveitamento da pedra para fins comerciais ou particulares a aquelas persoas non comuneiras que así o soliciten.

• O prezo será de 20 euros por tractor de tres metros cúbicos e os veciños comuneiros terán un desconto dun 10 por cento.

• So se podera conceder permiso a cada solicitante para a extracción de 20 tractores por ano. 

• A Xunta Rectora poderá conceder permiso extraordinario para a extracción de 20 tractores máis por solicitante. Nese caso o prezo incrementarase nun 25%. 

• Estes prezos serán incrementados anualmente coa suba do IPC.

• O pago será condición previa e indispensable para que o solicitante poida proceder á recolleita de pedra no monte. O pago farase nas oficinas da Comunidade de Montes ao responsable da Xunta Rectora que á súa vez o entregará ao tesoureiro da Comunidade.

FESTAS PARROQUIAIS

Dende a Comunidade de Montes queremos recordar a tódolos veciños que a Comisión de Festas está a recadar os donativos para poder celebrar ditas festas. Temos dúas formas de facer efectivo o noso pago, ou ben darllo a algún membro da Comisión ou ben facendo o ingreso na conta bancaria de Novagalicia Banco. Non fai falla recordar que si queremos festas debemos colaborar a maior brevidade posible para poder programalas. Dende aquí animar a Comisión a seguir adiante co seu traballo traballo.

CORTA DE MADEIRA QUEIMADA

Xa foi adxudicada a madeira queimada que tiñamos na parcela do AGRO DA RULA. Un total de 309,44 metros cúbicos de pino e eucalipto, por un valor total de 11.011 €.

Deses 11.011 €, 1.911 corresponden ao 21% de IVE e 2.100 € quedan en poder da administración con cargo o convenio subscrito coa Xunta.

De resultas o carto efectivo embolsado vén sendo 7.000 € quedando polo camiño 4.011€. De aquí parte a necesidade de desconveniarnos cousa da que xa falamos en algunha ocasión e que tentaremos retomar encanto a nosa economía nolo permita.

PLANTACIÓN COS NENOS E NENAS NO MONTE

Fíxose o día 29 de marzo. No Pé do Castelo. Alí estase a formar un rodaliño moi bonito do que no futuro agardamos poder disfrutar se seguimos a coidalo como facemos agora. Plantáronse, carballos na parte máis seca e freixos na máis húmida. Participaron un total aproximado de 90 persoas. Dos cales 40 eran nenos e 
nenas. Moitos deles acompañados dos seus pais, nais e avós. Despois de plantar fixemos a subida ao curuto do Castelo. A subida e a cima foran limpados previamente pola Comunidade. Ao baixar celebrouse unha 
churrascada-merenda.

Colaboraron:

O Concello coa entrega de 1 planta de fresa a cada neno/a e 1 diploma de participación.
A Xardinería Saborido con gorras e bolígrafos para os meniños/as.
A Comunidade de Montes cun tarro de mel a cada cativo e a merenda.
O veciño e gandeiro Daniel Fernández que puxo a carne (pucho de razá caldelá) para o churrasco.
E unha empresa que prefire non facer público o seu apoio regalounos as árbores da plantación e máis gorras para os pequechos.
A ANPA que nos trouxo unhas roscas para o postre e axudou nos preparativos.

Dende a nosa Comunidade queremos agradecer asistencia a tódolos presentes e mostrar a nosa ledicia o ver tal cantidade de rapaces disfrutando dun día o aire libre en plena natureza.

XORNADA ÚNICA

As ANPAS de Xuño, Portosín e Porto do Son uníronse para solicitar a xornada única nos tres centros do Concello que aínda non a teñen concedida. De momento xa hai un informe de transporte favorable polo que agora mesmo o único que falta para instaurar dita xornada é que os pais den o visto bó para iso deberán acudir a votar cando se lles convoque. É necesario un total do 58% de votos positivos para que dita xornada se aprobe.

FONTE DA SANTIÑA E CEMITERIO

Dende a Comunidade de Montes quixeramos enviarlle a nosa felicitación ao Concello por ter a ben o arranxo da pista do Curro. Aprobeitando dito arranxo a Comunidade de Montes decideu doar unha cacharela para facer unha fonte na Santiña ca auga sobrante da traída de augas de Miguelins no lugar de Pradomonte. Tamén dende a Rectora vendo que ninguén se facía cargo do cambio das pechaduras dos baños do cemiterio acordamos que o fixera dita Comunidade e reunimos de novo a comisión do cemiterio para intentar retomar o tema do mantemento do camposanto.