INFORMATIVO DA COMUNIDADE DE MONTES DE XUÑO.
Nº 1. SETEMBRO 2008
“A Carroucha” é o nome da folla informativa que a Comunidade de Montes pon agora en marcha. A intención é que os veciños vaian sabendo da vida e traballos da Comunidade.
Neste primeiro número imos facer un envío a cada casa da parroquia para dármonos a coñecer. Nos seguintes números distribuiremos varios exemplares nos lugares de paso máis frecuentes: tendas, farmacia, Caixa, Centro de Saúde, bares, igrexa. Alí pode ser recollido por todo aquel que queira lelo e levalo. Facémolo así porque o custe de fotocopia e envío a cada casa da parroquia resulta excesivo (80 € por cada edición).
Para poder manter a folla dentro dun gasto aceptable pensamos tamén en introducir propaganda de empresas e negocios de veciños da parroquia. Estes anuncios terán un custe de 3 €. Todos os que queiran anunciarse poden poñerse en contacto coa oficina da Comunidade, da que máis adiante falaremos.
Tamén queremos ofrecer espazo na folla informativa a todos aqueles veciños que desexen facer algún anuncio de interese (compra ou venda dunha leira, dunha maquinaria, un aluguer de terras ou de casa, ofertas de traballo...). O mesmo para as organizacións da parroquia que estimen oportuno dar algún aviso ou informe (fútbol, veciños, ANPA, catequese, comisión de festas, asociación de gandeiros, cazadores...).
Esta folla informativa nace na Comunidade de Montes, pero quere ser de todos
Novas na xestión da Comunidade
Na Asemblea celebrada o día 29 de xuño do 2008 decidiuse contratar unha persoa para axudar a levar a xestión. Esta persoa xa está traballando no local da Comunidade, enriba do Centro de Saúde, os venres de 9:00 a 13.00. No caso de que un venres sexa festivo estará os martes de 16:00 a 20:00 horas.
A Comunidade habilitou unha oficina para atender aos comuneiros (solicitudes, autorizacións, planos, enviar e recibir fax...). O número de teléfono-fax é o: 981-769285.
Tamén se está a ofrecer axuda á Sociedade Deportiva de Xuño na posta ao día do listado de socios. Fóra, a carón da porta da entrada, haberá un taboleiro de anuncios para as informacións.
AVISO DA COMISIÓN DE FESTAS
Venres 26 de setembro, a partir das 11.00 da noite festa da véspera de San Miguel.
Composición da nova Xunta Rectora
José Manuel Silva Ferreira (Pepe do Curro)
Vicepresidente:
Juan Jesús Pérez Santos (Juan Jesús do Bicho)
Secretaria:
Ana Lijó Santos (Ana do Río)
Tesoureiro:
Jesús Rodríguez Santos (Suso)
Vocais:
José M. Hermo Casais (José de Delfina)
Monserrat Fernández González (Montse do Cortiño)
Carlos Javier Carnota Sampedro (Carlos do Pradomonte)
Obras realizadas no monte
No lugar da Fontesalgueira (parte oeste do Castelo) púxose pino e frondosa (carballos, bidueiras,) Tamén se fixo limpeza na plantación de pinos alí existente.
Fíxose ademais roza manual do mato na parte do monte que testa coas casas do Campo da Batalla.
Así mesmo rozouse o monte de Vistipoi e fíxose selección de planta en Sieira, por riba de Guiandón, e no Alto da Escola.
Estanse a reparar tres pistas, unha a de Fontesalgueira, que arrinca da comarcal 550, por riba de Parada e morre no Alto da Escola; outra máis pequena que arrinca do alto do Curro e atravesa o monte para desembocar tamén no Alto da Escola; e a terceira que vai de Campolongo a Balteiro.
Tamén están rematados dous peches para gando: o dos Picoutos e o de Vistipoi. Xa hai gando dentro. Os gandeiros que teñen alí cabezas son os integrantes da asociación gandeira “Curro das Traves”, con que a comunidade tamén ten asinado un contrato de cesión. Os gandeiros da parroquia integrantes desta asociación son Ricardo do Río, Os do Cortiño, e os de Tomé.
Problemas nas conduccións de auga
Cómpre poñer atención porque este aviso é moi importante. Por esta vez repararanse todos os destragos sen custe ningún para os usuarios, pero de aquí en vante soamente se repararán aquelas conduccións que estean debidamente sinalizadas e colocadas coa profundidade que marca a lei. (Este problema non é novo, xa se falou del nunha asemblea celebrada o día 19 de outubro do ano 2000).
A sinalización debe facerse de 50 en
Todos debemos facer un esforzo e entender que a Comunidade non se pode responsabilizar dunhas conduccións que van polo seu monte e das que nin se lle informou da súa existencia.