INFORMATIVO DA COMUNIDADE DE MONTES DE XUÑO.
Nº 2. DECEMBRO 2008
Aquí está o segundo número. Desta volta distribuirémolo nos seguintes lugares: Supermercado Día, Supermercado Claudio, Bar Agra 20, na de Mariño, na de Rosa de Sieira, no Camping, no Centro de Saúde, e na Igrexa. En total 8 lugares. En cada un deles deixaremos 15 follas. Alí pode ser recollido por todo aquel que queira lelo e levalo
HISTORIA DA COMUNIDADE DE MONTES DE XUÑO
En cada número da CARROUCHA iremos dando a coñecer, aos poucos, a historia da nosa Comunidade de Montes. Pasan os anos e esquécense os feitos que nos levaron a melloras que hoxe disfrutamos e que parece que viñeron da nada, pero que necesitaron do esforzo animoso de moitos veciños. Alá imos.
A Asociación de Veciños Sartaxas, que fora creada no 1976, levaba tempo teimando por recuperar o monte do común, que lle fora sustraído aos veciños polo Icona. Esta Asociación promove unha xuntanza que se celebra o 4 de xuño. de 1978. Noméase nela unha comisión presidida por José Reiriz Martínez. Esta comisión ten o cometido de solicitar ao Xurado Provincial de Montes a clasificación do monte de Xuño como Monte Veciñal en Man Común.
Pasados once meses, o día 29 de maio de 1979, unha resolución do Xurado Provincial de Montes declara clasificado o noso monte co seguinte nome: Monte Veciñal en Man Común “Sieira e Castelo” e atribúe a súa pertenza á parroquia de Xuño.
Case tres meses despois, o 26 de agosto de 1979, celébrase a Asemblea Xeral Constituínte da Comunidade. Nesa Asemblea elíxese a 1ª Xunta Rectora da mesma. O seu Presidente é Bernardo José Vila Cameán, de Vicepresidente José Calo Maneiro, coma tesoureiro Benigno Rego Ageitos, de secretario José Reiriz Martínez e están acompañados dunha longa lista de vocais.
Dende esa data ata o 1982 celebráronse varias reunións da Xunta Rectora e tamén Asembleas da Comunidade que tiñan lugar na hoxe desaparecida sala de festas A Cantaruxa. E será no 1982 cando se celebre unha importante Asemblea Xeral e mesmo as segundas eleccións. (Continuará).
PARQUE EÓLICO
As empresas concesionarias dos parques xa fixeron o pago da anualidade do 2007 e tamén a do 2008.
Polo 2007 ingresáronse 5.173,86 €(a obra comezou nos últimos meses dese ano, polo que non se cotiza todo a anualidade).
Polo 2008 cobráronse 15.979,60 € (o que corresponde coa totalidade do ano). Estes son ingresos fixos que de agora en vante terá a comunidade e que se irán actualizando coa suba do IVE anual.
XUNTANZA NA OFICINA DO DISTRITO FORESTAL EN NOIA
O sábado día 15 de novembro, reuníronse directivos da Comunidade de Montes de Xuño, a administrativa da Comunidade, un axente forestal e un técnico do distrito.
Falouse dos traballos no monte e destes dous asuntos:
Lindes con Lesón: Compróbase que nos planos de deslinde dos dous montes (Xuño e Lesón) hai total coincidencia, non existindo ningunha contradicción que poida dar lugar a dúbidas sobre os lindes actuais. O peche que se está facendo na parcela I, a que está por riba das Trabes e Cernadas, vai polo linde establecido neses planos.
Verquedoiro do Alto da Escola. Xa o tiñamos pechado por indicación do Seprona e do propio Distrito. Fixemos incluso limpeza dos arredores, pero agora hai que retirar o escombro e sanear o sitio. Para elo temos que tomar contacto co Departamento de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia. Aproveitamos para lembrar a todos que está totalmente prohibido botar lixo ou escombro no monte, sexa cal sexa o lugar.
OBRAS REALIZADAS NO MONTE
- Limpeza mecánica e manual da entrada e arredores do verquedoiro do Alto da Escola, incluíndo o desbroce das dúas beiras da pista que baixa cara O Outón
- Reparouse a pista que vai da Fonte Salgueira á Lagüela.
- Fíxose un cortalumes entre a parcela propiedade da empresa Norfor (os da eucalipteira) e a nosa parcela de Vistipoi.
- Estanse a sinalizar os marcos que delimitan as lindes do noso monte.
- Xa vai bastante avanzada a obra do peche da parcela I (Trabes e Cernadas). Nesta parcela meterase o gando e completará así a obra xa iniciada cos peches de Picoutos e Vistipoi. Lembramos que o uso destas parcelas está regulado por un acordo que xa foi aprobado pola asemblea de comuneiros.
MANCOMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN
Fíxose a limpeza de
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL PARA O 8 DE DECEMBRO
Mandouse unha convocatoria a todas as casas da parroquia, sexan ou non sexan comuneiros. Polo reverso da folla da convocatoria hai uns impresos destinados a poder darse de alta, darse de baixa ou mesmo cambiar de comuneiro titular.
É unha ocasión para que todos os que aínda non son comuneiros poidan facelo cubrindo a solicitude. Xa sabedes que todo veciño ten dereito a ser comuneiro, pero debe solicitalo por escrito. A legalidade e a necesidade de manter o quorum nas decisións da asemblea obríganos a facelo así.